Co nome de Museo de Santiago e das Peregrinacións, foi creado a finais de 1951 grazas á iniciativa de Manuel Chamoso Lamas, co obxectivo de albergar os restos arqueolóxicos e outros elementos relacionados con Santiago de Compostela e coa peregrinación xacobea. Abriuse na rúa de San Miguel na chamada Casa Gótica,[1] do século XIV, e que adquiriu o Concello para este fin. Detalle das ferraxes da porta do Museo Durante anos só se fixeron labores internas, realizáronse obras de rehabilitación do edificio e outros traballos de organización e dotación de contidos para o museo. En 1963 asume a xestión a Dirección Xeral de Belas Artes, que lle dá o novo nome de Museo das Peregrinacións e orienta os contidos ó fenómeno universal da peregrinación, baixo o que abre ó público en 1965, co gallo dos eventos organizados no contexto do Ano Santo Xacobeo que se celebrou nese ano. Na inauguración presentouse unha ampla exposición de obxectos de culto e obras de arte relacionados co apóstolo, procedentes de diversas igrexas da Arquidiocese de Santiago de Compostela.