Compañeiros: coido que debemos propor á Dirección deste centro educativo e público unha serie de reformas que vaian mellorando o noso rendemento académico. O que eu propoño, compañeiros, non pode ser rexeitado pola Dirección nin polo Consello Escolar: primeiro, porque é moi barato; supón para cada aula un investimento menor que unha pizarra dixital -o último que pretenden meternos-; segundo, porque é pedagóxico e vouno demostrar aquí e agora. O que eu propoño, compañeiros, é algo tan sinxelo como pintar de novo a aula, porque estamos fartos de ver branco e máis branco; isto parece un hospital. Primeiro, hai que pintar o teito de negro. O negro é a cor menos atractiva, da que instintivamente foxe o noso ollar. Que mellor solución para evitar que se nos vaia o santo ao ceo, que fiquemos ollando para os biosbardos mentres os profesores e profesoras nos abren os camiños das ciencias? Esixamos teitos negros e as cualificacións sufrirán os efectos beneficiosos do noso maior aproveitamento. Segundo, sabemos todos que as longas explicacións no encerado propician que as nosas olladas se dirixan cara ao teito e as xanelas. Xa vimos como evitar o teito. Non podemos facer o mesmo coas xanelas, convén que sexan grandes e deixen entrar ben luz para escapar á claustrofobia. A solución estará en pintar o encerado de vermello, é a cor máis rechamante de todas. Así, se escribimos con xeso azul sobre un fondo vermello non perderemos unha explicación. Alguén pode dicir que logo seguiremos a mirar para o encerado cando non debemos. Certo, mais isto soluciónase cunha cortina gris que o cubra cando non cómpre. Terceiro, fica o problema das paredes, que tamén son foco de dispersión das miradas dos aborrecidos. Eu propoño, compañeiros, que se pinten de rosa. Si, de rosa; porque é unha cor que cansa ao pouco tempo (sobre isto pode lerse o tratado de Marta Lobelle As cores e a intelixencia. Experiencias). Deste xeito conseguiremos tamén afastar a atención das paredes brancas que tantas veces levan a nosa imaxinación por outros roteiros. Hai outra posibilidade mais resulta moi custosa, o que non impide que nun futuro se teña en conta. Esta sería que as paredes estivesen recubertas de espellos. Isto permitiría unha grande intercomunicación entre nós, colegas, un maior coñecemento; e tamén diminuiría a competencia desleal, pois sería un fiel aliado dos profesores á hora de vixiaren aos "copións". Cuarto, as mesas si deberían ser brancas para facilitar a sensación de nos atopar nun sitio cómodo, agradábel e limpo. Tampouco estaría mal que unha raia azul nun dos cantos da mesa nos lembrase o país en que vivimos. Eu, compañeiros, non propoño máis mudanzas. Xa vexo que alguén se está a referir ao chan; creo que é mellor deixalo como está, total como sempre está a chover, vai ficar decote luxado. Ademais tampouco se pode rachar coa tradición tan rotundamente. Creo sinceramente, porque o levo ben estudado, que isto é o mínimo que podemos esixir. Se me dades o voso apoio total, este delegado que vos fala levará o asunto á próxima reunión do Consello Escolar e tentará conseguir a adhesión dos outros cursos. Mesmo se eles non queren, proporei que se faga nesta aula a nivel experimental un ano e se non resulta, para o próximo curso contade coa miña dimisión irrevogábel.