Cando comeza a guerra Galiza queda axiña baixo o dominio dos sublevados e iníciase unha forte represión xeneralizada. Algúns dos máis destacados galeguistas pagarano coa vida (Alexandre Bóveda, Ánxel Casal), outros con expedientes (Otero Pedrayo) ou cárcere (Carballo Calero) e os máis afortunados co exilio (Castelao). Todo o esplendor anterior queda reducido ao silencio, e durante os primeiros anos da ditadura son os intelectuais do exilio americano os que manteñen viva a cultura galega creando editoriais, revistas, programas de radio... A capital da cultura galega é agora Bos Aires con figuras como Castelao, Rafael Dieste, Luís Seoane, Blanco Amor... O galego convértese nunha lingua inferior, que só se utiliza coa familia ou cos amigos, pois o seu uso público podía supor a perda do traballo ou mesmo da liberdade, aínda que non estea legalmente prohibida. A recuperación cultural iníciase lentamente ben avanzada a década dos 40: publicación de Cómaros Verdes no 1947, colección de poesía Benito Soto en 1949, pero será en 1950 cando un grupo de intelectuais (Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Otero Pedrayo) funda a editorial Galaxia que terá unha importancia capital para a recuperación da nosa cultura. Nela publicarán os seus libros Fole, Cunqueiro e escritores mozos como Méndez Ferrín e Carlos Casares.