Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores. Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando activamente a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio de actitude na sociedade. O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura (aínda que nos últimos anos están desaparecendo case todas as axudas oficiais). Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas... A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua “ritual”. Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso. Ademais a aposta pola lingua dos grandes poderes políticos e empresariais será un factor decisivo.