O goberno indio despregou onte tropas no Estado de Punjab, ao longo da súa fronteira con Paquistán, aumentando a tensión entre os dous países tralo ataque da semana pasada ao Parlamento de Nova Delhi, no que morreron 13 persoas. Funcionarios do Goberno en Punjab citados pola BBC dixeron que a medida era “unha resposta defensiva ante un movemento similar de tropas por parte de Paquistán”, o que foi inmediatamente negado por Islamabad. O despregamento indio, segundo o correspondente na zona da radiotelevisión pública británica, inclúe tropas de infantería mecanizada e algúns carros blindados. A medida levouse a cabo horas despois de que o primeiro ministro indio, A.B.V., anunciase que intentaría resolver pola vía pacífica a crise con Paquistán. “Débense facer todos os esforzos para evitar a guerra”, declarou no Parlamento A.B.V. “Na actualidade tentamos resolver o problema pola vía diplomática, pero outras opcións están abertas”, engadiu. A India acusou aos servizos secretos de Islamabad de estaren detrás do ataque ao Parlamento. Paquistán négao e propuxo a Nova Delhi iniciar unha investigación conxunta sobre o caso, o que A.B.V., á súa vez, rexeitou. A Casa Branca chamou onte ao Goberno indio a evitar un empeoramento dos conflitos na rexión.