PEÓN ATROPELADO NO PORRIÑO POR UN AUTOMÓBIL QUE SE DEU Á FUGA. Un veciño da localidade pontevedresa do Porriño faleceu onte de madrugada ao ser atropelado por un vehículo que se deu á fuga. Pedro Pérez Pérez, de 45 anos de idade, foi golpeado onte na estrada nacional 120 de Logroño a Vigo, dentro do concello do Porriño, parece que por irromper bruscamente na calzada. O equipo de atestados da Guarda Civil, encargado de investigar o caso, busca un automóbil branco, probabelmente un modelo Renault-5, que despois de derrubar o peón tomou a dirección de Ourense. O suceso aconteceu en torno ás catro da mañá de onte, xoves, segundo os ocupantes do primeiro vehículo que chegou ao lugar. Non hai testemuñas directas do accidente. Unicamente L.F., porteiro nun pub próximo escoitou frear un automóbil que logo debeu fuxir a grande velocidade.