Traballadores contratados pola Consellaría de Ordenación do Territorio e Obras Públicas pecháronse onte desde as 12 da mañá na sé da citada Consellaría en Ourense en solidariedade co seu compañeiro Roi Ruíz Ruibal, de 25 anos, despedido improcedentemente polo delegado provincial da COTOP, André Míguez Míguez. Onte pola mañá preto dun cento de traballadores de dito colectivo fixeron tamén unha concentración de protesta e unha sentada perante o local da Consellaría, acción repetida á mesma hora en Lugo, Vigo e Ferrol. Roi Ruíz ameazou cunha folga indefinida de fame de non acadar unha resposta axeitada ás súas esixencias. Roi Ruíz, contratado temporalmente na COTOP de Ourense, viu de repente rescindido o seu contrato pola súa antiga condición de heroinómano en período de rehabilitación. A causa é ausentarse durante 16 días para someterse a un tratamento médico nas dependencias da Asociación Galega para a Rehabilitación de Drogodependentes en Samos, polo que o delegado da COTOP en Ourense considerou que non procedía a renovación do contrato. A raíz deste feito instruíuse un expediente disciplinario no que o xuíz instrutor concluíu propondo a suspensión de emprego e soldo durante tres meses e non a rescisión de contrato. Alén disto, a Maxistratura de Traballo fallou o despido como improcedente deixándolle á empresa a opción de readmitir ou indemnizar o traballador. A COTOP decidiu indemnizar e renunciou ao recurso da sentenza, opóndose así a todas as posíbeis vías para solucionar o conflito. "Axiña que coñeceron o meu problema coa droga, aconselláronme que renunciase ao meu posto de traballo e eu negueime a facelo. Iso vai en contra dos propios proxectos da Xunta contra a droga (Plano Nacional galego contra a Droga) que insisten na reinserción dos extoxicómanos como obxectivo básico. É unha contradición entre a teoría e a práctica deste goberno". No mes de maio Roi Ruíz levaba dous meses e medio suspendido de emprego e soldo como consecuencia dun expediente disciplinario por unha falta laboral "moi grave". Días máis tarde presentou un xustificante de baixa selado polo SERGAS, polo que a falta pasaría de moi grave a leve por atraso na xustificación e o expediente xa non tería sentido, segundo asegurou á nosa redacción Roi Ruíz.