Os beneficios de Samsung poderían caer preto dun 60% Aínda que a nivel mundial Samsung mantén o seu liderado en produtos de electrónica de consumo, o pulo económico da compañía non parece ser capaz de manterse, e nas previsións económicas para o terceiro trimestre de 2014 a compañía surcoreana recoñece unha importante caída de vendas e beneficios, realizando unha estimación de ingresos de 47 billóns de wons (34.850 millóns de euros) e uns beneficios operativos de 4,1 billóns de wons (3.040 millóns de euros), cando no mesmo período de 2013 os ingresos eran de 59.1 billóns de wons e os beneficios de 10,2 billóns de wons. Temos así que a propia Samsung recoñece que os seus beneficios caerán un 59,80% nun ano, o que resulta bastante rechamante se temos en conta que a compañía está a lanzar actualmente os novos GALAXY Note 4 e incluso a nova familia GALAXY Alpha (con acabados premium ) nun momento no que Apple está a bater todas as súas marcas previas de vendas, aínda que dá a impresión de que o problema de Samsung non é precisamente Apple, senón a elevada competencia dos fabricantes chineses. De todos os xeitos, Samsung confía en que os novos lanzamentos destas semanas teñan un impacto positivo nas súas contas durante o derradeiro trimestre do ano.