D-Link lanza un sistema para evitar que os nosos animais fagan trasnadas na nosa ausencia Este sábado 4 outubro, para quen non o saiba, celebrouse o Día Mundial dos Animais. Para conmemoralo, o fabricante tecnolóxico D-Link deu a coñecer un dispositivo especialmente dirixido a todas e todos os que festexaron a xornada e, ademais, viven en compañía de animais. Falamos do trebello EyeOn Pet Monitor (DCS-800L/P), un sistema para vixiar dende calquera recanto no que estamos aos nosos compañeiros mentres estes fican no fogar. Trátase, en palabras de D-Link, dunha “tecnoloxía sinxela, económica e sofisticada”, moi acaida para quen queira asegurarse en todo intre do benestar dos seus animais e, tamén, de que non estean a facer trasnada algunha. O sistema EyeOn Pet Monitor permite que usemos un smartphone ou tablet para que, xunto coa aplicación de balde mydlink Lite, teñamos un ollo posto no noso can ou gato dende calquera lugar. O monitor é portátil, dispón de conectividade Wi-Fi e inclúe LED infravermellos para poder ver ao animal tamén na escuridade. Tamén conta con son bidireccional, polo que se pode ouvir e falar á mascota mesmo desde fóra de casa. Segundo engade o fabricante, o sistema resulta “perfecto para aqueles que queiran estar seguros de que o seu novo amigo está a adaptarse ben á súa contorna, que un cachorro está san e salvo ou que a acuario se atopa en boas condicións”. O EyeOn Pet Monitor (DCS-800L/P) estará dispoñíbel a un prezo de 89,90 euros.