A obra do artista galego Leopoldo Nóvoa sobrevive ao autor na Rede Permanecer na memoria colectiva e non caer no esquecemento é unha tarefa complexa, algo menos imposíbel dende a aparición das novas tecnoloxías, máis polo miúdo Internet. Ese caixón de fondo infinito no que hai espazo para todo e para todos. No caso que nos ocupa, falaremos dun pintor e escultor galego -Leopoldo Nóvoa- que, malia ter finado hai dous anos, estrea páxina web coa intención de que a súa obra fique entre nós para sempre. Ese é un dos milagres da Rede: facer inmortal, desta volta, o legado do artista nado en Salcedo. Emporiso, o milagre ten autoras vivas: a viúva do pintor -Susana Nóvoa- e a comisaria de arte -Rosario Sarmiento-. Achegándonos un pouco á figura de Leopoldo Nóvoa, cómpre dicir que é un artista moi completo, cunha gran carga intelectual e conceptual que, amais, manexaba a técnica e os medios. Sarmiento recibiu o encargo da viúva do artista, Susana Nóvoa, para elaborar un web que mantivera a obra e personalidade de Leopoldo. O resultado, segundo reflicte a web do Consello da Cultura Galega , é un elegante site construído a partir da documentación gráfica que permite explorar a obra de Leopoldo, inicialmente a partir do legado que conserva a familia pero con aspiracións a ser un catálogo futuro. A execución da web levou uns seis meses entre a selección, a produción dos textos e a execución técnica, sempre tendo en conta que a páxina debía “reflectir a personalidade de Leopoldo Nóvoa”. E que podemos atopar neste recuncho? Mostras de obras de diferentes épocas, retratos realizados por Xurxo Lobato, textos de diferentes críticos, documentais e reportaxes audiovisuais. Por último, cómpre lembrar un dato importante que atinxe á obra de Nóvoa, unha catástrofe acontecida no ano 1979. Instalado desde o ano 1965 en París, no devandito ano 1979 o seu estudo sofre un incendio e perde máis de 2.000 obras. Coa apertura desta nova xanela dixital, Nóvoa pecha a porta a calquera posibilidade de incendio que borre da memoria a súa obra.