GAIN asesora ás nosas PEME para participaren do financiamento do programa europeo Internet do Futuro Manuel Varela, director de GAIN As nosas empresas que queiran acceder aos financiamentos do programa europeo Future Internet Public Private Partnership (FI-PPP) van ter un servizo de apoio da man da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Como lembraremos, FI-PPP pon a disposición das PEME e emprendedores 80 millóns de euros para o desenvolvemento de servizos e produtos TIC ligados á saúde, a enerxía, o medio ambiente e as Cidades Intelixentes, entre outras temáticas de orde social e vencelladas claramente á mellora da nosa calidade de vida e á preservación do medio. Co fin de facilitar a nosa concorrencia no programa, GAIN puxo en marcha un servizo de apoio para o que só teremos que encher un formulario dispoñíbel na web da axencia, unha enquisa que recolle datos básicos sobre a nosa actividade e o proxecto susceptíbel de ser presentado ao programa. Unha vez recibida esta información, a axencia comprobará que as iniciativas cumpran os requisitos da convocatoria europea e fará unha selección daquelas 50 con meirande potencial de financiamento. Destes proxectos seleccionados, farase unha análise das aceleradoras que mellor lle acaian a cada un deles. Ao fío disto, GAIN lembra que as convocatorias de fondos artéllanse a través de 16 aceleradoras seleccionadas na anterior fase da iniciativa e que están especializadas en distintos sectores. A axencia tamén informa que, como remate, valorarase de xeito conxunto co solicitante “a idoneidade da presentación a cada unha das convocatorias posíbeis, revisándose o proxecto a presentar e/ou dándolle formación para a súa presentación”. O programa europeo Future Internet Public Private Partnership (FI-PPP) acubilla as diferentes liñas de axuda que se están a presentar estes meses e pon a disposición das PEME e emprendedores 80 millóns de euros para o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores empregando a tecnoloxía despregada nas anteriores fases do programa (a de agora é a terceira convocatoria). O programa fornece distintas vertentes temáticas: eSaúde, enerxía e medio ambiente, Cidades Intelixentes, etc. A idea, polo tanto é apoiar a competitividade da industria de desenvolvedores de software e potenciar as ligazóns entre Internet, servizos innovadores e aplicacións públicas e sociais.