Primux incrementa as prestacións do seu buque insignia, o terminal Sigma O fabricante galego Primux amosou co comezo desta semana a segunda vida do seu Primux Sigma , un aparello que xa dimos a coñecer dende Código Cero a pasada primavera , salientando daquela que se trataba con toda seguridade do “buque insignia” da marca ourensá de dispositivos avanzados. Pois ben, dada “a gran acollida” que tivo ao longo destes meses o Sigma no mercado dos terminais de gama media, sobre todo grazas ao seu amplo abano de prestacións e o seu prezo “máis que alcanzábel”, o fabricante galego púxose mans á obra para mellorar o dispositivo engadíndolle aínda máis prestacións, e, aquí vén o mellor do conto, mantendo o mesmo prezo. Segundo engade a compañía, as evolucións do Sigma céntranse sobre todo na súa pantalla, que agora incorpora un cristal Dragontrail TM , un elemento “altamente resistente ao raiado, aos impactos e a torsión”. Ademais, a base da pantalla é un panel L5 de cinco polgadas, o modelo IPS HD Truly de 1.280 por 720. Por outra banda, tamén se incorporou un novo sistema de redución de ruído no micrófono, que permite illar o son ambiente da voz. Pero hai máis, xa que o Sigma remodelado inclúe tamén o sistema operativo Android 4.4 Kit Kat, unha ferramenta que en palabras de Primux, “consegue optimizar ao máximo os recursos, a arquitectura e prestacións do smartphone para unha maior rapidez nos procesos cun menor consumo de batería”. Por outra banda, cómpre informar que o aparello acubilla un procesador Quad Core de 1,3 GHz, moi importante para permitir a execución e o procesado áxil de calquera aplicación, ben sexa de ofimática, de reprodución audiovisual ou ben vencellada a un videoxogo. O Sigma conta tamén con 1 Gb de memoria RAM e 16 de capacidade de almacenamento interno. Segundo conclúe Primux, a todo o devandito hai que engadir a inclusión de todos os sistemas precisos para acadar as mellores comunicacións e conexións posíbeis, como por exemplo o sistema NFC (tecnoloxía de comunicación sen fíos, de curto alcance e de alta frecuencia, que posibilita o intercambio rápido e eficaz de datos entre dispositivos), a tecnoloxía 3G, o Wi-Fi de alta velocidade, a versión 4.0 de Bluetooth, o GPS e o sistema Dual SIM que permite acubillar dúas liñas telefónicas.