Conta atrás para presentarmos as nosas iniciativas ao quinto foro de investimento do Clúster TIC Francisco Rodríguez (secretario do Clúster TIC), Antonio Rodríguez del Corral (presidente) e Gerardo García Alvela (tesoureiro), na asenblea xeral ordinaria do Clúster TIC Galicia celebrada en xuño Comeza a conta atrás para presentarmos aos nosos proxectos ao foro de investimento do Clúster TIC Galicia. Falamos da quinta edición do evento que xunta, por unha banda, aos nosos profesionais que estean a desenvolver ou impulsar unha iniciativa tecnolóxico-dixital innovadora e, pola outra, aos axentes con capacidade financeira para impulsalas. Segundo informa a plataforma empresarial, o prazo remata precisamente esta semana. Os interesados poden enviar os seus proxectos ata o próximo domingo, día 12 de outubro, cubrindo o formulario online ao que se accede desde a web do Clúster . Tamén poden solicitar información a tavés do teléfono 881 939 651 ou da dirección de correo electrónico info@clusterticgalicia.com. O obxectivo da plataforma tecnolóxico-empresarial galega con esta reunión (fixada para o 14 de novembro) é “apoiar a creación e o crecemento de empresas de base tecnolóxica en Galicia, así como facilitar procesos de co-investimento mediante a atracción de investidores privados que complementen os mecanismos públicos de apoio ao emprendemento”. Entre todos os proxectos que se presenten, realizarase unha escolma baseada na busca de startups tecnolóxicas innovadoras, teñan ou non produto no mercado, e que se atopen nunha fase temperá de desenvolvemento, ou que precisen dunha ampliación de capital para despegar de forma definitiva. Os emprendedores contarán con apoio para pulir o seu proxecto e traballar a súa técnica de presentación aos investidores nunha xornada que terá lugar o 14 de novembro. Segundo lembran fontes do Clúster, o encontro entre emprendedores e investidores chega á súa quinta edición “despois dun proceso de crecemento no que a iniciativa se foi consolidando como o evento de investimento especializado en TIC de referencia na comunidade autónoma”. O Clúster tamén recorda que a edición 2013 rematou cun verdadeiro récord de participantes, xa que foi quen de acubillar un total de 35 investidores, entre entidades públicas e privadas de toda España. Todas elas tiveron a ocasión de coñecer 15 proxectos de negocio da man dos seus promotores.