As empresas galegas TIC apostan cada vez máis por cooperar con firmas do exterior As nosas empresas do sector tecnolóxico-dixital están a tender pontes firmes coas súas compañeiras e/ou competidoras de alén das fronteiras. Ademais, as pontes son cada vez máis amplas e numerosas. Así se reflicte na Enquisa ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia, Ano 2014, que se fixo pública esta fin de semana da man do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA). En termos máis concretos, dise no informe que o sector TIC galego incrementou no último ano en máis de 4 puntos a cooperación en actividades de innovación con empresas da Unión Europea e en máis de dous puntos a colaboración neste eido con compañías de Estados Unidos. Porén e malia estas cifras, os socios principais das nosas empresas seguen a ser estatais. Así e todo, o número de firmas españolas compañeiras de viaxe está a descender: no último ano pasouse dun 95,7% a un 90%. A cooperación coa UE sitúase en arredor dun 15%, e a dos Estados Unidos nun 6%. O informe feito por OSIMGA (organismo adscrito a AMTEGA ), tamén reflicte que o número de empresas do tecido tecnolóxico-dixital galego acadou a cifra de 2.232, “o que sitúa á Comunidade como a quinta do Estado con maior número de empresas do sector TIC”. Lembrar que este dá emprego arestora a 15.312 traballadores e mantense por riba dos 15.000 traballadores desde o ano 2010. Porén, segue a haber moita firma con só dous traballadores como máximo (o 82,7%). A investigación tamén informa que o Valor Engadido Bruto (VEB) do sector superou os 1.087 millóns de euros no ano 2012, o que representou o 2% do PIB de Galicia e o seu volume de negocio superou os 2.290 millóns de euros no ano 2013. Segundo informa o observatorio, trátase dunha cifra lixeiramente superior á do ano 2012 (2.240 millóns de euros). No que se refire ao ámbito profesional por xéneros, seguimos a arrastrar uns problemas que xa veñen de lonxe e que, tendo en conta as cifras achegadas recentemente polo CPEIG e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC (ETSE), non amosan por desgraza moitas trazas de mellorar a curto ou medio prazo, tendo en conta que a taxa de mulleres que cursa estudos TIC segue a diminuír. Isto ten o seu reflexo logo na perspectiva de xéneros, que segundo indica o estudo de OSIMGA achega unha proporción de homes dun 62,3% (9.546) fronte ao 37,7% de mulleres (5.765). Ao fío disto e analizando a distribución de funcións do persoal, constátase unha clara maioría masculina nas tarefas TIC: 64,3% de homes fronte ao 16,8% de mulleres adicadas a tarefas TIC. Na área de dirección, a presenza de homes tamén é maioritaria. A investigación expón por outra banda que as empresas TIC galegas contan cunha maioría de profesionais tecnolóxicos con formación universitaria ou especializada a través de ciclos formativos TIC. Un 44,5% dos traballadores do sector TIC ten titulación tecnolóxica de grao superior ou medio e un 26,7% conta con ciclos formativos TIC superiores ou medios. No que se refire a tecnoloxías para accedermos á Rede, a enquisa do observatorio galego amosa que o ADSL está presente no 60,9% das firmas do sector, e é polo tanto a tecnoloxía de acceso a Internet máis frecuente, cun incremento de 4 puntos porcentuais no último ano. “Porén”, detállase, “destaca o incremento da conexión mediante banda larga móbil, cunha penetración do 35,8%, o que supón un aumento de 4,5 puntos porcentuais no último ano”. No que respecta á velocidade de conexión a Internet, a investigación salienta o incremento na porcentaxe de empresas que teñen contratadas velocidades superiores a 100 Mbps (17,4%), o que supón 12,2 puntos porcentuais máis que o ano 2013, sendo a velocidade de acceso máis frecuente a que vai de 10 a 30 Mbps (34,5%). No que atinxe á computación na nube, estas tecnoloxías xa son empregadas polo 36,1% das firmas do tecido tecnolóxico-dixital, experimentando deste xeito un incremento de 3,1 puntos porcentuais respecto á edición anterior. Asemade, o 70% das empresas TIC galegas realizaron compras de bens ou servizos a través do comercio electrónico e unha de cada catro empresas TIC galegas realizou vendas a través de Internet no ano 2013. As vendas a través de Internet representan o 37,9% sobre o volume de negocio das empresas TIC que venden a través da Rede, un incremento de 2,6 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. As empresas TIC venden os seus produtos ou servizos maioritariamente en Galicia (41,8% das vendas electrónicas) e no resto de España (41,0%).