Todo listo para o comezo na Coruña das Xornadas Libres do GPUL A semana que vén, os usuarios e desenvolvedores de programación aberta da nosa terra (e os que aspiren a selo) teñen unha cita ineludíbel na Facultade de Informática da Coruña. Falamos da edición número trece das Xornadas Libres do Grupo de Programadores de Usuarios de Linux (GPUL), unha xuntanza referencial no ámbito do código aberto (non só a nivel galego) e que conta cada vez con máis participación a todos os niveis (a comunidade de usuarios de open source medra, e con ela os casos de éxito e experiencias a expoñer). As sesións estenderanse do 8 ao 10 de outubro. Serán tres días para a difusión de hardware, software e cultura libre. Segundo nos conta Pablo Castro, secretario adxunto do GPUL, as xornadas teñen ás súas costas un bo número de apoios, non só os integrantes da asociación, senón tamén unha fronte tecnolóxico-social integrada por antigos alumnos da Facultade, empresas do sector TIC e asociacións comprometidas co mundo da cultura e a tecnoloxía libres. Pablo tamén nos lembra que ao abeiro destes encontros impartiranse obradoiros do máis variado, “dende introdución a Arduino ou control de versións con Git, até edición en Wikipedia, grazas a colaboración de Wikimedia España, pasando por unha iniciación ao desenvolvemento de aplicacións web con MongoDB e Python entre outros”. Haberá, tamén, charlas sobre Javascript, Groovy On Grails, ferramentas libres para mellorar a calidade do código, OwnCloud ou KDE. Entre outros, falarán Vreixo González (OpenTripPlanner para Android), José Millán Soto (KDE), Carlos Tomé (introdución a Haskell) ou Jesús Amieiro (OwnCloud). E todo isto, explican os organizadores, “nun ambiente universitario e nun contexto enfocado sobre todo a estudantes e profesionais do sector, abranguendo tanto niveis introdutorios como tamén avanzados”. Por certo que a inscrición é de balde, tanto para as charlas como para os obradoiros, e a día de hoxe xa está aberta. Poderemos facela a través da sección específica habilitada na web do GPUL .