Canal+ estrea un servizo de vídeo baixo demanda que custará 6,05 euros/mes Os servizos de vídeo baixo demanda están a cobrar cada día un maior peso, e para poder colocarse nunha posición de mercado semellante á de Wuaki TV (e máis concretamente o seu servizo Wuaki Selection ), Yomvi estrea unha nova modalidade de servizo que, en vez de orientarse á recepción das canles de Canal+, céntrase no consumo baixo demanda en liña dende ordenadores, dispositivos móbiles, Smart TV e Xbox 360. Estamos ante un servizo en probas que responde ao nome de Yomvi Play , e que temporalmente é de balde, para pasar a custar 6,05 euros/mes a partires do mes de decembro. Dende Yomvi Play podemos acceder a milleiros de títulos de cine e series de televisión que poden gozarse en calquera momento, que conta cun catálogo crecente de material que pode visualizarse sen custo adicional, aínda que tamén ofrece unha taquilla con até 1.500 títulos en aluguer. Actualmente Yomvi Play conta con contidos como as series True Blood , Los Soprano , varias tempadas de Friends , El Ala Oeste de la Casablanca , Hermanos de Sangre ... sen faltar tamén a presenza de ficcións españolas como Cuéntame , La que se avecina , Los Serrano , Médico de Familia ... que parecen un bo comezo, pero queda por ver se será unha oferta o suficientemente atractiva para o público xeral. Cómpre destacar que a plataforma de vídeo baixo demanda de Canal+ tamén conta con Yomvi Familiar e Yomvi Cine y series+, con prezos bastante superiores, polo que dá a impresión de que a nova oferta vai verse restrinxida polos outros paquetes de Yomvi.