Flipboard estrea aplicación para Windows Phone 8.1 A aplicación de Flipboard leva bastante tempo revolucionando o xeito de consumir contidos en dispositivos con pantalla táctil, xa que converte as publicacións nas nosas redes sociais e en numerosos medios nunha sorte de revista dixital que fai moi natural a súa utilización por parte dos usuarios afeitos ás publicacións en papel. Aínda que Flipboard trunfou inicialmente no iPad, pouco a pouco foi chegando a outros dispositivos e sistemas operativos, contando tamén con versións para Android e Windows 8.1, de aí que era só cuestión de tempo que chegase a Windows Phone 8.1, e por fin temos aquí a versión da aplicación para os smartphones de Microsoft . Flipboard para Windows Phone 8.1 permítenos construír a nosa revista personalizada con contidos das fontes máis emblemáticas do mundo (como a CNN ou National Geographic), déixanos explorar seccións temáticas con material seleccionado por Flipboard, conta cunha completa sección de novas de portada, déixanos acceder aos contidos que os nosos amigos comparten en Facebook e Twitter sen ter que premer nas ligazóns compartidas (ou sexa, que en vez de ver o texto co que se comparte unha ligazón, vese directamente a páxina web que un usuario quería compartir) e incluso permite que poidamos engadir contidos soltos en revistas feitas a medida, que poden empregarse como recompilacións para consultar máis adiante ou incluso como seleccións de contidos baixo unha temática que compartir con outras persoas.