O grupo Elogia presenta finalmente a súa nova marca: VIKO Rubén Ferreiro, CEO da nova marca do holding Elogia Group Onte anunciabamos a celebración dos 15 de anos de Elogia e de como estaba prevista, ao abeiro da festa celebrada en Barcelona para conmemoralo, a presentación da nova marca empresarial do Grupo Elogia. Pois ben, finalmente aproveitouse a cita entre amigos (e amigos competidores) para presentar oficialmente VIKO , o novo distintivo da corporación até o de agora coñecida como Elogia Group. VIKO, informa a empresa, convértese na marca paraugas para un grupo formado arestora por sete proxectos. Ou sexa, para os seguintes proxectos: a axencia de mercadotecnia en liña Elogia; a axencia de desenvolvemento de aplicacións de mCommerce Moddity; a axencia de resposta directa Ibrands; a plataforma de envío de correos Mittum; a ferramenta intelixencia nas aplicacións eMMa; o software de xestión masiva de páxinas de destino MOÕSE; e o medio de comunicación Mercadotecnia4eCommerce.net. Segundo nos conta o CEO do novo selo empresarial, o galego Rubén Ferreiro -presente na celebración de Barcelona- VIKO naceu para converterse, dende xa, nun acubillo de máis de 100 profesionais repartidos en tres países: España (Barcelona, Madrid e Vigo), México (México DF) e Reino Unido (Londres); e cun volume de negocio superior aos 10 millóns de euros anuais. Segundo engade Ferreiro, “VIKO é a evolución lóxica do grupo, a súa madurez e a preparación para un modelo empresarial no que hoxe somos sete e mañá poderíamos ser 8 ou 10 empresas”. Tamén explicou a que responde o novo nome (VIKO deriva de Virtual Knowledge ) cales son os plans de futuro da nova marca: “Medrar nas prazas nas que temos presenza e buscar internacionalización segmentada por tipo de proxecto”. A presentación-celebración contou coa asistencia de máis de 200 profesionais da mercadotecnia online , no que Ferreiro e o seu equipo cualifican “dunha velada extraordinaria sobre marketing dixital en Barcelona”. VIKO estará presente xa coa súa nova marca no eShow Madrid do vindeiro 8 de outubro.