Fallados os premios dos enxeñeiros galegos de Telecomunicación Temos xa información cumprida sobre os profesionais, empresas e entidades recoñecidas este ano polos nos enxeñeiros de Telecomunicación. Así, o COETG-AETG ( Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia ) veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014, que serán entregados no transcurso da XIX Gala das Telecomunicacións de Galicia , que se celebrará o vindeiro 24 de outubro, ás 20.00 horas, no Gran Hotel da Toxa, no concello pontevedrés do Grove. Para comezar, o premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, foi dar a unha empresa que xunta un recoñecemento tras outro, Torus Software Solutions, polo seu “alto grao de innovación, a creación de emprego, a súa tecnoloxía e a súa aplicación a mercados amplos”. O premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, recaeu en Francisco Alberto Varela García, por Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica . O xurado valorou “o potencial deste traballo como xerador de avances na enxeñería civil mediante a aplicación das TIC, e as súas propostas para o mellor aproveitamento das infraestruturas viarias, coa implementación de métodos orixinais de análise da súa funcionalidade, aplicados aos sistemas GIS”. Tamén destacou “a súa contribución á xeración de novas patentes e iniciativas empresariais”. O premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2014, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, foille concedido a UTE Everis-Coremain polo seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes , polo seu “alto grao de innovación, a especial potenciación da cooperación entre empresas e Administración, o aval de ter superado un concurso no competitivo marco da compra única innovadora e o seu enfoque da xestión hospitalaria dirixida ao paciente”. O premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración con AMTEGA, recaeu en InfoJC S.L., polo proxecto, Dixesta: Tecnoloxías innovadoras para a vida saudable. O galardón recoñece unha proposta transversal e colaborativa, que mellora a calidade de vida, diminuíndo a fenda dixital, e orientada ás necesidades do cliente. O xurado destacou igualmente “a súa claridade e a boa presentación”. O premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, concedéuselle a compañía R, “polo seu esforzo e dedicación en pechar a fenda dixital en Galicia, mediante a instalación de redes pioneiras dotadas de equipamento de última xeración e servizos de gran ancho de banda, que chegan cada día a máis localidades”. O galardón recoñece tamén “os seus despregamentos en fibra, cable, SPW e vídeo, dende unha visión integrada das IIT, que lle están a permitir ofrecer aos seus clientes un amplo abano de servizos nun tempo récord e por diante dos seus competidores”. O premio Socio de Honra 2014, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia foi para a Cruz Vermella de Galicia, polos “seus esforzos permanentes na renovación das súas infraestruturas tecnolóxicas, das que fai un uso intelixente na procura dunha maior eficiencia dos seus servizos”. Segundo fai saber o xurado, o devandito fica demostrado en iniciativas como a súa plataforma de teleasistencia para persoas que viven soas, ou polo programa Agora máis que nunca, unha ferramenta web que ten como finalidade axudar aos máis afectados pola crise. A Asociación tamén valorou os acordos que a Cruz Vermella ten asinado con diferentes operadores de telefonía e con destacadas fundacións do terceiro sector para situarse na vangarda das TIC. Por último, o premio Enxeñeiro do Ano 2014 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recaeu en Gil Carlos Bernárdez Matovelle, pola súa carreira profesional como enxeñeiro de telecomunicación en postos de responsabilidade en destacadas empresas en Galicia e “polo seu alto sentido da profesión, que se traduciu na dedicación plena á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, da que foi socio fundador e presidente”.