Xa está dispoñible para a súa descarga a versión preliminar técnica de Windows 10 Onte déronse a coñecer algunhas das novas prestacións coas que contará Windows 10 , e para que os desenvolvedores e outros profesionais do sector TIC poidan comezar a realizar probas sobre este novo sistema operativo aínda en proceso de elaboración, dende hoxe facilitan a descarga de Windows Technical Preview aos usuarios que se inscriban no programa Windows Insider, dende o que Microsoft espera recibir importante feedback para poder pulir os distintos elementos da vindeira xeración de Windows que verá a luz ao longo de 2015, primeiro nunha versión preliminar para consumidores e logo como produto final. A versión preliminar técnica do futuro Window pode descargarse en versións de 64 e 32 bits localizadas para EE.UU, Reino Unido, China e Brasil, recibirá numerosas actualizacións automáticas, remitirá numerosa información a Microsoft para facilitar a mellora do seu software, non debe instalarse nun equipo en produción (xa que trátase dun produto sen rematar ) e caducará o 15 de abril de 2015 . Para poder gozar desta versión de proba do futuro Windows teremos que contar cun equipo que basicamente sexa compatible con Windows 8.1, ou sexa, un ordenador que como mínimo conte cun procesador a 1 GHz, 1 ou 2 Gb de RAM (segundo queiramos probar a versión de 32 ou 64 bits), 16 Gb de disco duro libre, gráfica compatible con DirectX 9 e acceso á Internet. Microsoft tamén publicou unha Windows 10 Technical Preview for Enterprise , que busca achegar o futuro Windows ao mundo empresarial, facilitando así que se inicien as probas de compatibilidade con bastante antelación antes do propio lanzamento de Windows 10.