Telefónica adiántase á competencia despregando LTE Advance en España Telefónica quere ser líder en materia de LTE-Advance, unha tecnoloxía avanzada que implica unha mellora sobre o actual 4G. De feito, segundo informa a operadora, Telefónica sería “a primeira compañía de España” que dá o paso cara esta nova tecnoloxía, preludio de outra que aínda está por vir, a 5G, e que segundo engade a empresa “posibilitará velocidades de transmisión dos datos en mobilidade por encima de 1 Gbps”. Ben, centrándonos no aquí e agora, Telefónica estreou esta semana o LTE-Advance de seu (LTE-A), que segundo indica permite transferencias de información en baixada de até 300 Mbps, “o dobre dos 150 que ofrece LTE”. Madrid e Barcelona son as primeiras cidades en beneficiarse destas novas taxas de velocidade en LTE. Deste xeito, dende este xoves 2 de outubro os clientes de Movistar nestas cidades que teñan o terminal axeitado poderán gozar de maiores velocidades na descarga e suba de información. Telefónica apunta a que a tecnoloxía LTE-Advance é un chanzo máis na escaleira evolutiva do 4G, a súa “segunda onda de funcionalidade mellorada”. En termos concretos, fornece vantaxes como a agregación simultánea de espectro de diferentes bandas cara a un mesmo terminal, o que fai posíbel ofrecer maiores velocidades de transferencia en descarga. No caso de Teléfonica, informa a operadora, “estas poden chegar até 300 Mbps”. A empresa tamén engade que nova tecnoloxía irase estendendo de aquí a fin de ano polas principais capitais españolas, e desenvolverase amplamente en 2015, coa dispoñibilidade da banda de 800 MHz.