As PEME de Pontevedra coñecerán este xoves as vantaxes da tecnoloxía galega eHabilis Pontevedra acolle este 2 de outubro unha xornada sobre social-learning para máis de 400 empresas da Asociación da Pequena e Mediana Empresa da cidade do Lérez (AEMPE). Ou sexa, unha xornada tecnolóxica sobre formación en colectividade con formatos informais e cunha arela de fomentar o intercambio de experiencias e o pulo interactivo. En realidade, do que se trata é de dar a coñecer a estratexia concreta da AEMPE para subir ao carro do dixital ás empresas da provincia, unha estratexia apoiada nun produto galego de formación social, eHabilis , que conta arestora con máis de 60.000 usuarios e presenza en sete países. Por certo que de eHabilis falamos recentemente en Código Cero , salientando que vén da man da firma galega Sdweb e que entre os seus usuarios atopábase a multinacional Accenture. O acto deste xoves, que arranca sobre as 19.00 horas, celebrase nas instalacións da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (AEMPE), situadas na Rúa Virxe do Camiño (Pontevedra). Desenvolverase baixo o epígrafe Conectando coñecemento entre empresas e servirá para presentar o devandito proxecto formativo de AEMPE (encamiñado a dixitalizar as empresas da provincia e a fomentar a colaboración entre elas) e para explicar, tamén, “os fitos establecidos durante o período 2014-2015 en materia de formación áxil, interactiva e dixital en ámbitos tan diversos como a dirección e xerencia empresarial, administración e xestión corporativa, mercadotecnia, informática e TIC ou idiomas”. O programa da xornada inclúe dous relatorios a cargo dos responsábeis da asociación. Estes relatorios poderán ser consultados vía web en directo a través dun sistema de videoconferencia . Abrirá o evento José María Corujo, presidente de AEMPE, que amosará en detalle o novo proxecto de AEMPE para mellorar as competencias dos profesionais que conforman as empresas, grazas á formación e comunicación permanente. A continuación, Paco Álvarez, vogal da xunta directiva de AEMPE e profesional con ampla experiencia no TIC, dará conta das funcionalidades e vantaxes da plataforma de social-learning eHabilis.