Investigadores de AtlantTIC, premiados polas súas achegas ás comunicacións por satélite AtlantTIC, centro de coñecemento e investigación nas novas tecnoloxías da Universidade de Vigo, vén de obter unha nova e importante distinción ao traballo dos seus integrantes . Máis polo miúdo, o recoñecemento vén da man do congreso ASMS/SPSC2014 (dúas conferencias simultáneas do ámbito internacional centradas nas comunicacións máis avanzadas), onde se valorou moi positivamente un traballo de investigación realizado por Alberto Rico, Jesús Arnaú e Carlos Mosquera. Todos eles integrantes do grupo GPSC de AtlantTIC. Recibiron a distinción Best Paper Award entre 60 achegas presentadas. Segundo lembran fontes de AtlantTIC, os autores do traballo (titulado Balancing Closed and Open Loop CSI in Mobile Satellite Link Adaptation ) xa recibiran un premio semellante por unha investigación previa nesta mesma liña. Foi no congreso de referencia americano sobre comunicacións por satélite, o AIAA International Communications Satellite Systems Conference celebrado en Canadá en 2012. A contribución agora recoñecida salienta por establecer unha metodoloxía para optimizar a eficiencia da comunicación por satélite, e lévao a cabo mediante un dispositivo móbil específico. Segundo explica Carlos Mosquera, a idea é habilitar tecnoloxías precisas para permitir a evolución e o desenvolvemento das comunicacións por satélite. “Estas”, sinalou, “van moito máis alá da difusión de canles de televisión; é o caso, por exemplo, das comunicacións móbiles, marítimas ou o acceso a Internet”. No congreso, engadiu, amosáronse propostas para manter o progreso tecnolóxicos en todos estes ámbitos. Segundo fai saber AtlantTIC ASMS/SPSC é o evento de comunicacións por satélite de referencia en Europa. O evento reúne a expertos da Axencia Espacial Europea (ESA) e outros socios europeos nas comunicacións avanzadas por satélite para discutir sobre o futuro destas comunicacións. A edición pasada foi organizada por AtlantTIC en Baiona (Pontevedra, Galicia) e a deste ano levouse a cabo en Livorno (Toscana, Italia). Polo que respecta á traxectoria dos autores da proposta premiada, sinalar que Carlos Mosquera leva anos traballando coa Axencia Espacial Europea (ESA) e publicando neste ámbito, Jesús Arnaú ficou como consultor durante tres meses na sede da ESA en Noordwijk (Países Baixos) “de onde saíron interesantes resultados que serviron como motivación para este traballo”, apuntan fontes de AtlantTIC. Alberto Rico, pola súa parte, defendeu recentemente a súa tese de doutoramento e acábase de incorporar a Qualcomm (San Diego, California), “unha das maiores empresas mundiais de comunicacións móbiles e por satélite”. O equipo está a preparar unha versión estendida da proposta recoñecida para unha revista científica do ámbito.