Investigadores da USC salientan en Sarria o imparábel futuro do modelado 3D A semana pasada celebráronse en Sarria as xornadas A conservación do medio natural, tarefa común, como o seu propio nome indica dirixidas a amosar recursos humanos e técnicos para preservar o noso. Entre a listaxe de recursos técnicos houbo, como era de agardar tendo en conta a cada vez máis frutífera relación TIC-medio ambiente, recursos tecnolóxico-dixitais. Por exemplo os amosados polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo, Juan Ortiz, quen expuxo na xornada do venres as vantaxes e virtudes do modelo 3D mediante fotografía . Ao seu xuízo, esta técnica (creación de figuras tridimensionais e a escala que reproducen a realidade de xeito fiel) estase a converter “nunha potente ferramenta de rexistro de datos tanto entre estudantes como profesores como tamén profesionais de todo o mundo”. Na súa opinión, estamos ante unha metodoloxía de traballo (este modelado 3D mediante fotografía) de gran proxección para os vindeiros anos, susceptíbel de chegar practicamente a toda a poboación do planeta, “igual que no seu o día o fixeron a fotografía e o vídeo”, subliñou Ortiz, quen acudiu acompañado por Valentín García Souto, enxeñeiro técnico agrícola e colaborador do grupo de investigación G-I-2114 para a Documentación en 3D da USC. Xuntos lembraron que os modelos 3D empréganse xa nunha manchea de eidos nos que resulta necesario dispor de ferramentas precisas medición. Por exemplo: medicina, veterinaria, urbanismo, arquitectura, industria (moda, automoción, aeroespacial, motos, videoxogos, etc.), deportes, conservación do patrimonio ou accesibilidade. Ao longo das súas sesións, Ortiz e García amosaron en detalle algúns dos modelos 3D, ortofotos e planos realizados polo grupo de investigación USCAN3D da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC), responsábel, como recordaremos, do certame D3Mobile Metrology League, o campionato internacional de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, do que falamos recentemente para dar conta de como quedou o palmarés da súa segunda convocatoria . Entre os exemplos de modelos 3D ou ortofotos amosados por Ortiz e García atopábanse algúns moi vencellados á recuperación do patrimonio de Sarria, como o caso do Castro de Formigueiros ou o Petróglifo da Veiga. Tamén expuxeron outros traballos como os realizados na Catedral de Santiago de Compostela, a Muralla de Lugo ou o pavimento de Compostela. Ademais destes labores visualizaron perante os participantes nas xornadas outras iniciativas de temática asociada ao rexistro de ensaios en madeira estrutural ou ao modelado 3D do terreo con cámaras a bordo de drons Dicir para rematar que a cita de Sarria é a segunda que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a desenvolver en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago. A vindeira cita será en Lalín, o vindeiro mércores 1 de outubro, e versará sobre o tema Mecanización agraria.