Un proxecto galego participará nunha das grandes citas do emprendemento iberoamericano: Spin2014 Temos presenza galega entre os proxectos seleccionados nun programa de referencia no ámbito do impulso a iniciativas innovadoras de mercado xurdidas ao abeiro das universidades. Falamos do programa Model2Marketm, entre cuxos proxectos finais atopamos o relEYEble , un sistema que vén da man de investigadores da Universidade de Vigo e que se orienta a achegar vantaxes ao sector do comercio analizando o comportamento dos seus clientes en tempo real e mediante sensores. Como compañeiros de viaxe, relEYEble ten catro iniciativas procedentes da Universidade Complutense de Madrid ( Creando Redes ), a Universidade Carlos III de Madrid ( iTrading ), a Universitat Autònoma de Barcelona ( Knowxel ) e a Universitat Politècnica de València ( Pay In ). Todos teñen en común o seu compromiso por poñer en valor a formación, o coñecemento e as tecnoloxías desenvolvidas no seo das universidades. Lembrar que Model2Market é unha palestra-acubillo dirixida a axudar a emprendedores universitarios a completar o seu chimpo dende o ámbito universitario ao empresarial, poñendo en xogo “un ambicioso programa de formación impartido polo IC2 Institute da Universidade de Texas e premios por valor de máis de 60.000 dólares”, informa RedEmprendia , entidade organizadora en alianza coa Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), o Instituto Politécnico Nacional (IPN), o Tecnolóxico de Monterrey, Universia e Banco Santander, a través da súa División Global Santander Universidades. Por certo que Model2Market insírese no evento Spin2014 , considerado a gran cita do emprendemento universitario e que este ano celebrarase en México os días 29 e 30 de outubro. Neste marco, os cinco finalistas estatais compartirán palestra con outras 15 achegas emprendedoras de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Perú e Portugal. Ao abeiro do evento, informa RedEmprendia, beneficiaranse do devandito programa de formación a medida coordinado polo Instituto Politécnico Nacional e impartido polo IC2 Institute da University of Texas at Austin. De xeito paralelo, as propostas de Model2market presentaranse en Spin2014 perante un xurado composto por autoridades, académicos, mentores, investidores e emprendedores de éxito de toda Iberoamérica, amais de competiren polos tres premios do programa, valorados en máis de 60.000 dólares. Polo que atinxe ao proxecto galego, relEYEble, lembrar que se trata dun sistema dirixido ao comercio ao detalle, axudando aos negocios a ter información fiábel e útil sobre os gustos e preferencias dos clientes, e todo a través dun labor de segmentación anónima dos mesmos, por grupos segundo xénero e idade, ofrecendo datos precisos sobre a atención, tempos e duración da mirada, a distancia, o estado de ánimo e outras variábeis prácticas “tanto para o deseño de escaparates e anuncios, como para adaptar estes en tempo real ao tipo de consumidor que os observa en cada intre”, informan os seus responsábeis. O sistema foi creado por un equipo da Universidade de Vigo integrado por José Luís Alba, Bruno Seoane e Manuel Ubeira, todos eles con formación en Telecomunicacións, Enxeñaría de Sistemas e Electrónica.