Lugo, pola lingua e a cultura galega Redacción.- O delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, fixo unha lembranza, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, de todas as colaboracións que está a levar a cabo a área de Cultura co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao poeta chairego Xosé María Díaz Castro. Segundo explicou Outeiro  “ orgullámonos, entre outras cousas, de poder contribuír, deste xeito, ao recoñecemento dun galego bo e xeneroso que, mesmo estando na emigración, sempre levou moi dentro Galiza, sen esquecer nunca nin a súa terra nin a súa lingua”. Entre as colaboracións da área de Cultura da Deputación coa celebración do Ano Díaz Castro, atopamos a edición do almanaque “O Gaiteiro de Lugo” dedicado integramente a Díaz Castro, a edición de “Poesía Galega Completa”, editada por Galaxia e coordinada por Armando Requeixo, publicación que compila ao completo a obra de Díaz Castro escrita en galego, ou a adquisición da obra “Vida e obra de Xosé María Díaz Castro”, da autoría do xa mencionado Armando Requeixo. No eido audiovisual, a área colaborou coa longametraxe documental “O instante eterno”, dirixida polo tamén guitiricense Xosé Antón Cascudo, unha ferramenta valiosísima coa que dar a coñecer a vida e obra de Xosé María Díaz Castro, e coa curtametraxe “Os camiños esquencidos”, da que son protagonistas as alumnas e alumnos do IES Poeta Díaz Castro. Asemade, outra das colaboración na que desde a área de Cultura se ten volcado máis esforzo é na edición dunha Fotobiografía sonora con música d’ A Quenlla, “Desorballando outonos”, coordinada pola Asociación Cultural Xermolos. Unha asociación que nos últimos meses centralizou tamén un inxente traballo encamiñado a coñecer, e recoñecer, a importancia de Díaz Castro non só para Guitiriz, senón para a propia Galicia. A Voz de Vilalba