Netflix ofrecerá a secuela de Tigre y Dragón á vez que as salas cinematográficas Nos últimos anos son moitos os casos de estreitamento das fiestras de explotación de producións cinematográficas, de xeito que se reducía a distancia entre a chegada dun filme aos cines e ao ámbito doméstico, con algunhas honrosas excepcións nas que as películas (principalmente independentes) chegan simultaneamente a plataformas de vídeo baixo demanda, e agora dende Netflix confirman que tamén favorecerán esta revolución, anunciando que a secuela de Tigre y Dragón chegará o mesmo día ao servizo de vídeo e aos cines . Crouching Tiger, Hidden Dragon: The Green Legend sería a primeira película en estrearse dentro do acordo ao que Netflix chegou con varias produtoras cinematográficas para poder ofrecer as obras aos seus usuarios sen custo adicional , o que sería un importante incentivo para contratar o servizo. Deste xeito, cando o filme por Yuen Woo-ping chegue a cines IMAX o vindeiro 28 de agosto, tamén poderá gozarse dende a casa a través de Netflix. Neste caso non parece que a oferta a través de Netflix vaia prexudicar comercialmente ao filme en salas cinematográficas, xa que en países nos que está agardado que teña mellor acollida (como China) o servizo de Netflix non estaría dispoñible, o que pode lembrarnos ao que acontece coas grandes series orixinais de Netflix, que a moitos mercados chegan igual que series de televisión tradicionais, xa que a presenza internacional de Netflix aínda é bastante discreta.